Este luns 3 de novembro ás 16.00
horas no Auditorio os alumnos de 4º ESO e 1º de Bacharelato serán os privilexiados que
poderán disfrutar da obra teatral "Perplexo"
da compañía ourensá Il Maquinario. Unha comedia
baseada na obra do dramaturgo Marius Von Mayenburg, dirixida por Tito Asorey e
protagonizada por Francisco Lareu, Fernando González, Melania Cruz y Laura
Míguez.

En “Perplexo”, Laura e Fernando volven a casa despois das
vacacións, ao pouco de entrar perciben
nela pequenos pero estraños cambios: unha nova planta aparece na cociña, o seu
gato non está por ningunha parte, a luz está cortada por falta de pagamento,
aínda que uns amigos da parella, Fran e Mela, quedaron ao coidado das cousas na
súa ausencia. Cando os catro personaxes aparecen en escena a situación dá un
xiro, pois semella que os amigos son os verdadeiros e lexítimos propietarios da
vivenda. A partir deste momento, a peza sucédese nun continuo xogo de
intercambio de roles, onde o espectador vive un vertixinoso devir de escenas e
no que o teatro se converte nunha metáfora da nosa realidade actual, na que
todos temos que nos impoñer determinadas máscaras sociais para facer fronte ás
novas situacións que a vida nos presenta.
A peza, na que os personaxes
teñen o mesmo nome que os actores que a interpretan, xoga dun xeito audaz co teatro
dentro do teatro para falar, de xeito tremendamente cómico, de temas de tanta
actualidade como son a busca dunha identidade propia, o racismo, as
dificultades das relacións de parella ou a existencia dun poder supremo.
Dende este blog queremos
desexarlles unha grande estrea e moito éxito.